09/08/2010
A través deste libro situámonos de novo e de cheo naquel tempestuoso curos académico 1967/68. Momentos de movementos e mobilizacións estudiantís que removeron a Universidade de Santiago de Compostela e sacudíndoa fixeron tamén tremer o país. Como nos do Fermín Bouza: “Santiago era o marco ideal para aquel movemento que cambiou Galicia moito máis do que a historia convencional transmitiu á xente, pois cambiou as élites universitarias de toda unha xeración… De ahí saíron novos movementos sociais e novos partidos de carácter progresista e moitos deles autóctonos, nacionalistas”.
A través destas persoas, das súas vivencias e das súas vidas fálase de personaxes, grupos organizados, facultades, mulleres, nacionalismo, comunismo, acción cultural, visión e misión relixiosas, clubs de cine e voces que se sentían ceibes e facían sentir ceibes ás voces que naquel momento non o eran. Todo un emerxer e remexer de inquedanzas e ansias de liberdades mutiladas que sitúan a Santiago entre as “vedetes de Europa”, como nos di Guillermo Rojo. Se ben Santiago non era obxectivamente un primus inter pares con París e Praga, os protagonistas si o percibían así: un movemento semellante ao destas grandes capitais europeas. Non obstante, afirma Alberto Martín de Hijas: os contidos do Maio francés foron “postindustriais” e os dos movementos estudiantís españois eran “predemocráticos”.
Por outra parte, o Santiago de entón era pouco máis que unha vila. Recórdanos Tuco Cerviño que seis anos antes do 68 a Universidade de Santiago era aínda unha universidade troiana, da Casa da Troia, que vivía moito de tabernas e cafeterías. Unha universidade e unha cidade que oribitaban arredor do café. Un café, que segundo Fermín Bouza: “daba para debater, recompor as cousas, facer contas…, era o lugar da cabeza, dos miolos, do pensamentos”. Santiago era entonces unha vida pechada na pequena améndoa dunha zona histórica que entón non sabía aínda que o era.
Neste libro atopámonos con protagonistas do relatado e tamén do non contado, que sempre é moito máis o que queda atrás que o que se rescata da memoria. Pero incluso o rescatado está “contaminado” pola vivencias e experiencias acumuladas despois, e así o pensa Francisco Álvarez Fontenla. De todos os xeitos, a contaminación dos protagonistas, corenta anos despois, non é corrupción dos feitos senón análise a través da peneirados anos. E en todo caso, este libro debe ser visto non como unha “toma de declaración” aos protagonistas daqueles tempos senón como un render tributo de gratitude a persoas que arriscaron moito: estudos, liberdade e incluso a súa vida, por aquilo que era xusto para si mesmos e para todos. É posible que esteamos falando dunha revolución, que aínda que o foi, non falaba de si mesma senón de formas de pensar e de ser incómodas coas imposicións sobre como pensar e como ser. Curiosamente, como nos di Reverter, todo desapareceu nun abrir e pechar de ollos, cmoo se nunca ocorrese.
Incluso nin sequera mentres se vivía aquela revolución era fácil explicar de forma razoada o que ocorría. Así nolo di o profesor Rojo: “non resultaba doado responder a preguntas acerca de que era o que pretendíamos os estudantes con aquel encerro, aquelas manifestacións que remataban case sempre en carreiras precipitadas con reparto aleatorio de ‘leña’ e detencións máis ben previsibles”. Sobre todo había gañas de cambiar o mundo, dinos Fermín Bouza. De cambialo máis alá do franquismo e da súa infame tiranía. Pero se hoxe vivimos nunha democracia que nunca máis deberiamos perder, a necesidade de cambiar o mundo segue tan viva como entón.