Arquivo histórico
Fondos sindicais
- Sindicato Nacional CCOO de Galicia
- Outras organizacións sindicais
Fondos persoais
Pódese consultar o fondo persoal de Santiago Álvarez no seguinte inventario.
Pódese consultar o fondo persoal de Manuel Amor Deus no seguinte cadro de clasificación.
Fontes orais
Froito das investigacións levadas a cabo desde a Fundación 10 de Marzo, comeza a existir un fondo de fontes orais que recolle, fundamentalmente, o testemuño da actividade sindical e política de persoas relacionadas co nacemento e desenvolvemento das Comisións Obreiras de Galicia e coa oposición política e social ao franquismo.
Existen tamén outras gravacións relacionadas con organizacións políticas ou sindicais, como reunións do Comité Central do Partido Comunista de Galicia ou da Executiva do S. N. de CCOO de Galicia.
Arquivo fotográfico
A colección fotográfica do Arquivo Histórico comeza a ser moi importante. O conxunto de imaxes custodiadas (aínda sen catalogar) constitúe un testemuño gráfico de moito interese para recuperar e manter viva a memoria histórica dos diferentes aspectos do sindicalismo na Galicia contemporánea. Particularmente interesantes son as instantáneas que recollen as etapas da recuperación organizativa do sindicalismo en torno ás Comisións Obreiras; as asambleas, manifestacións e conflitos laborais durante o franquismo; a conflitividade sociopolítica durante a transición á democracia.
Outros temas que quedan ilustrados na colección fotográfica son as condicións de traballo en determinadas factorías, as folgas, as eleccións sindicais ou as celebracións do 1º de Maio e do 10 de Marzo.
Colección videográfica
Outra sección que está comezando a organizarse dentro do Arquivo é a que corresponde ao soporte audiovisual. Estes materiais aínda son escasos e refírense a curtametraxes editadas, a maioría delas, en formato de vídeo. Recollen conflitos laborais concretos, as condicións de traballo nalgúns sectores industriais ou a historia do movemento obreiro. Moitos deles foron producidos por diversas organizacións de CCOO de Galicia ou da Confederación Sindical.
Dispoñemos tamén dunha cinta orixinal sobre a España dos anos sesenta, rodada por un equipo de cineastas do Partido Comunista Italiano (“Spagna 1968”).
Carteis
Os carteis proceden de organizacións sindicais e políticas, de movementos sociais, de institucións. A temática é moi diversa, así como os autores e deseñadores. Moitos reflicten o mundo do traballo nos seus diferentes aspectos: condicións de traballo, reivindicacións laborais, conflitos e mobilizacións, celebracións, congresos, actividades culturais, etc. Existen aproximadamente unhas oitocentas pezas e as súas datas extremas van desde 1947 ata os nosos días.
Materiais especiais
O Arquivo Histórico da Fundación 10 de Marzo conserva outro tipo de materiais achegados por persoas ou institucións, como poden ser adhesivos e obxectos diversos.
A colección de adhesivos abrangue a mesma temática que os carteis. Contén pezas datadas entre 1976 e os nosos días.
Finalmente, a Fundación posúe unha serie de obxectos relacionados coa impresión e difusión da prensa clandestina e panfletos (vietnamitas, multicopistas, carteiras de dobre fondo, etc.), chapas, carnés, bandeiras, pins, etc.
Consulta dos fondos
Para consultar calquer tipo de documentación pertencente ao Arquivo da Fundación 10 de Marzo deben solicitalo ao seguinte e-mail: f10m.sn@galicia.ccoo.es