01/10/1995
Prema aquí para ver o texto en pdf
ÍNDICE
PRESENTACIÓN
I.-OS SUCESOS DE FERROL
I.1.-“Una minoría que argumenta intencionadamente sobre el convenio…”. Os antecedentes.
I.2.-“Os requiero para que hagáis la vida de siempre…”. O 10 de marzo.
I.3.-“Asociación ilícita, manifestación non pacífica e terrorismo”. Os procesos xudiciais.
II.-O MARCO XURÍDICO DO FRANQUISMO
I.1.-A represión do movemento obreiro.
II.2.-As bases do novo sindicalismo.
II.3.-O dereito de folga.
II.4.-A representatividade e os convenios colectivos.
II.5.-O movemento obreiro na clandestinidade.
III.-A IMPORTANCIA DA EMPRESA NACIONAL BAZÁN EN GALICIA
BIBLIOGRAFÍA E DOCUMENTACIÓN
PRESENTACIÓN
As características sociopolíticas do réxime franquista e a dinámica social que xerou puxéronse de manifesto nos sucesos do 10 de marzo de 1972 na cidade de Ferrol (daquela El Ferrol del Caudillo). A conflictividade laboral e política en Galicia acadou un dos seus puntos críticos na negociación do convenio colectivo da Empresa Nacional Bazán de Construcciones Navales Militares. A tensión desembocou na morte de dous traballadores (Daniel Rey e Amador Niebla) por disparos da policía e a conseguinte represión das ilegais Comisións Obreiras que coparan a maior parte dos postos de enlaces e do xurado de empresa nas eleccións sindicais de 1971. Pois ben, estes son os acontecementos históricos que se propón estudiar esta unidade didáctica.
Foron acontecementos que evidenciaron tódalas contradiccións do período final do franquismo na Galicia e que tiveron un importante eco no resto do Estado. Aínda que, desgraciadamente, nin foron os primeiros nin serían os últimos, aqueles feitos provocados pola reivindicación dunhas mellores condicións de vida e de traballo, tiveron unha vertente política -a loita da clase obreira contra a dictadura- que lles confire unha especial relevancia na historia. Unha historia que é, por definición, social e na que o movemento obreiro e as súas organizacións ocupan un capítulo importante. Por esas razóns, os que daquela non naceran han de coñecelos e estudialos.
O traballo que aquí se presenta está destinado ás aulas do ensino medio. Pola forma en que se expón, e coas necesarias adaptacións, poderá ser utilizado en distintos niveis, tanto nos aínda vixentes B.U.P. e Formación Profesional, como nos últimos cursos da E.S.O. ou do novo Bacharelato. Así mesmo, a unidade poderá ser abordada na súa totalidade ou en parte.
Utilízanse unhas fontes (máis de 60), na súa maior parte primarias; é dicir, documentos xerados polos protagonistas dos feitos e pola prensa do momento. Cada un dos documentos pode servir para a realización dun comentario de texto. O número e a profundidade dos mesmos queda á elección do profesorado. ¿Cal é o sentido de presenta-la documentación “en bruto”? Preténdese ofrecer ó alumnado un pequeno traballo para que adquira unha serie de destrezas de traballo intelectual e de investigación. De aí que o primeiro apartado estea dedicado, precisamente, á documentación de arquivo, sen outro apoio e clarificación que unhas breves introduccións. Non obstante, cómpre que o profesorado dedique, antes de que comece este capítulo, unha ou dúas clases a facer unha introducción histórica sobre o franquismo pois, evidentemente, sen uns coñecementos mínimos previos, o alumnado non pode facer fronte á súa análise.
A lectura do material sobre os sucesos suscitará moitas dúbidas e preguntas, tal e como lle ocorre ó historiador. Preténdese que co traballo dos apartados seguintes poidan ser respondidas moitas desas dúbidas. Deste xeito, o capítulo II está dedicado a dar unhas breves pinceladas sobre o marco xurídico das relacións sociolaborais do franquismo no que se desenvolveu o movemento obreiro en Galicia (apartado III), un movemento fortemente reprimido dende o 18 de xullo de 1936 e que tivo un dos seus principais bastións de recuperación na cidade de Ferrol e na Empresa Bazán, á que se lle dedican as últimas páxinas.
Preténdese que, tralo estudio de todos estes materiais, o alumnado sexa capaz de redactar un pequeno traballo sobre aqueles sucesos…
…e coñecer un pasado que moitos prefiren esquecer. Din que corren malos tempos para a poesía. Tampouco son moi bos para unha historia -é dicir, para nós mesmos- que moitas veces resulta incómoda. Pois ben, nestas páxinas reivindícase esa incomodidade que permite vivi-lo presente e, ¿por que non?, crea-lo futuro.
VÍCTOR MANUEL SANTIDRIÁN ARIAS