01/01/1961
Dúas décadas despois da desfeita cultural e política provocada pola Guerra Civil, as primeiras asociacións culturais fundadas nas cidades e nas vilas de Galicia foron capaces de dar pasos pioneiros e determinantes para a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego, anunciando o que habería de ser o programa cultural desenvolto polo sistema autonómico constituído a partir da transición democrática. Para o rescate de aqueles valores, nun contexto histórico difícil que Celso Emilio alcumaría como unha “longa noite de pedra”, foron necesarias moitas vontades e moitos esforzos xenerosos e solidarios daqueles que pensaron que era a hora de construír as bases dun programa cultural de noso para a Galicia do futuro.