FONDO PERSOAL DE MANUEL AMOR DEUS
O Arquivo Histórico da Fundación 10 de Marzo alberga o fondo persoal de Manuel Amor Deus. O fondo foi doado e está composto por 31 caixas.
Este fondo persoal recolle as vivencias da militancia política e sindical de Manolo Amor Deus no Partido Comunista de Galicia, no Sindicato Nacional de CCOO, no Partido Comunista Español, principalmente.
Os documentos que o constitúen foron producidos practicamente desde os tempos da ditadura franquista ata principios dos anos noventa, destacando a década dos oitenta como período en que atopamos a maior produción documental.
O galego e o castelán son as linguas predominantes, e a tipoloxía é moi variada: estudos, acordos, convenios, reunións, correspondencia, notas de prensa, comunicados, informes, normativas, apuntamentos persoais, circulares, panfletos, boletíns informativos, discursos, comités, manifestacións, congresos, eleccións, conferencias ou publicacións, entre outros documentos; cabe destacar as libretas con notas manuscritas persoais de Manuel Amor e o seu expediente penitenciario (1972-1975).
BIOGRAFÍA
Manolo Amor Deus, nado en Ferrol o 16 de febreiro de 1941, ingresou como aprendiz no estaleiro de Bazán —hoxe Navantia Ferrol— en febreiro de 1955, cando só tiña 14 anos, e foi militante durante moitos anos do Partido Comunista de Galicia e de CCOO.
Foi membro, ademais, do xurado de empresa da antiga Bazán e levou o peso da negociación do convenio colectivo, o que lle custou o seu despedimento, preludio dos sucesos do 10 de marzo de 1972 na cidade naval, que terminaron coas mortes de Amador Rey e Daniel Niebla, traballadores ambos do estaleiro ferrolán, abatidos a tiros pola policía nunha manifestación na que reivindicaban melloras laborais. O 10 de Marzo de 1972 fuxiu da represión e agachouse durante meses en casas de camaradas ata que o detiveron.
Pola súa participación nas mobilizacións, Manuel Amor Deus foi detido e xulgado, primeiro en consello de guerra durante o ocaso da ditadura franquista e despois no macroproceso dos 23 de Ferrol, pola súa significación á fronte do sindicato Comisións Obreiras.
Amor Deus pasou no cárcere varios anos entre 1972 e 1976 e, xa na democracia, foi o primeiro secretario xeral do sindicato CCOO en Galicia, cargo que desempeñou ata 1988 para regresar logo ao seu posto no estaleiro ferrolán.
En 1992 cesou a súa actividade laboral cando lle foi declarada unha incapacidade permanente total pola enfermidade que padecía, asbestose, orixinada polo contacto co amianto, un material illante e potencialmente tóxico que foi prohibido anos despois.
Nos últimos anos, Amor Deus emprendeu unha loita nos tribunais para que se recoñecese a súa enfermidade profesional, loita que finalizou recentemente cunha sentenza xudicial ditada en abril do 2007 polo Xulgado do Social número dous, que recoñeceu que a súa enfermidade foi causada polo amianto.
En 1966 comportouse como un verdadeiro heroe ao lles salvar a vida a dous traballadores que quedaran atrapados dentro do buque E. Castelló, atracado no estaleiro, que se incendiou. Penetrou nas chamas e o fume e foinos sacando un a un, ata que, ao ir polo terceiro, caeu esborrallado nunhas escaleiras. Cando os bombeiros o rescataron, dérono por morto. O seu amigo Luís Novo saíu do corro que rodeaba o corpo e observou que o corazón lle latexaba. Practicoulle o boca a boca e conseguiu reanimalo.
En 1992 recibiu a homenaxe da Fundación Dez de Marzo pola súa traxectoria sindical e vital.
Manolo faleceu en Ferrol o 26 de xuño de 2007 aos 66 anos, vítima dun cancro de pulmón orixinado polo contacto coa fibras de asbesto, empregado habitualmente na construción naval, co que traballou o sindicalista durante décadas no estaleiro ferrolán.