Fundación 10 de Marzo, 1998. Edicións ó coidado de Gloria García López
12/09/1998
Loita foi o segundo boletín que apareceu con continuidade en Galicia, o primeiro na Coruña, como órgano de expresión de CC.OO. O número 1 sae en decembro de 1972. Pero Loita non foi o único boletín obreiro desta época editado na Coruña; un ano despois da súa aparición saíu a rúa Loita Obreira, que tamén se proclamaba como “periódico de Comisiones Obreras de La Coruña”, malia a que o secretariado e coordinadoras de Comisións Obreiras sempre intentaron aclarar que o único órgano de expresión recoñecido por eles nesta cidade era Loita.
Se ben ambos trataban de mostra-la problemática da clase traballadora coruñesa, había profundas diferencias entre as dúas publicacións. En primeiro lugar, o compoñente político que os sustentaba: mentres que arredor de Loita se concentraban basicamente militantes do PCG, PT, PSP e movementos cristiáns, Loita Obreira acolllía principalmente ós do MC e LRC. En segundo termo, CC.OO. e o seu órgano de expresión, Loita, tiñan claro que debían integrarse no Sindicato Vertical e desde dentro conseguir melloras para o mundo obreiro, sen renunciar á loita por fóra da legalidade; sen embargo, as organizacións responsables de Loita Obreira —polo menos ata o ano 1975 en Galicia— eran totalmente contrarias a participar nas eleccións sindicais e entrar a formar parte do Sindicato Vertical.
Gloria García López
INDICE
- Sobre a presente edición facsímile, por Gloria García López
- Loita: O periódico das Comisións Obreiras da Coruña, 1972-1976. Sobre unha entrevista a Xan María Castro, Gonzalo Porto, Enrique Veira e Manuel Villares, por Gloria García López
- Loita Obreira, unha rara corrente obreira, por Redacción de Loita Obreira
- Edición facsímile de Loita
- Edición facsímile de Loita Obreira
- Índice de autores de Loita
- Índice de autores de Loita Obreira