08/08/2010
José Pasín Romero: memoria do proletariado militante de Compostela é a biografía dun personaxe clave na historia de Santiago e de Galicia, na historia do movemento obreiro compostelán e galego. Resulta, por esa mesma razón, unha biografía que supera a vida do personaxe estudado, o que é unha característica das mellores investigacións biográficas. Por iso, polas páxinas desta memoria do proletariado militante pasean tanto os avatares vitais de Pasín Romero como os das organizacións obreiras (e outras moitas) da cidade.
O protagonista deste volume, José Pasín Romero, é peza fundamental dunha familia indisolublemente vencellada á Compostela do século XX. Unha familia, a dos Pasín, defensora dos dereitos das clases traballadoras, construtora de cidadanía. E custoulles caro o seu compromiso cívico: a barbarie que asolou o país dende o 18 de xullo de 1936 non llelo perdoou. Mais a represión franquista non arredou o compromiso dos Pasín coas liberdades, como puxo de manifesto a militancia antifranquista, dende as ringleiras do Partido Comunista,doutro Pasín, Luís, fonte imprescindible para a labor de Dionisio Pereira no proceso de escritura de este libro. Vaia tamén o agradecemento da Fundación 10 de Marzo pola xenerosidade de Luís Pasín Liñares, auténtica memoria viva de Compostela.
Agradecemento á Deputación da Coruña, que nos últimos anos entendeu e apoiou os labores da Fundación 10 de Marzo.