Santiago de Compostela, Noroeste-Fundación 10 de Marzo, 1997.
O 10 de Marzo: Unha data na Historia
ÍNDICE
INTRODUCCIÓN
1. UNHA APROXIMACIÓN Ó MARCO HISTÓRICO
1.1. A economía galega e o sector naval a comezos dos anos setenta
1.2. A situación político-social e o conflicto laboral a comezos dos anos setenta
2.- O CAMIÑO CARA Ó 10 DE MARZO E A EMPRESA NACIONAL BAZÁN
2.1 Antecedentes teóricos do conflicto. O Ministerio de Traballo.
2.2 A estratexia laboral das Comisións Obreiras e a táctica política do Partido Comunista de Galicia.
2.3 As eleccións sindicais de 1971 na Bazán
3.- A LOITA POLO V CONVENIO COLECTIVO
3.1. O inicio do conflicto e os intrumentos da loita social.
3.2. De xaneiro a marzo
3.3. O 10 de Marzo
3.4. A solidariedade
4.- A REPRESIÓN E OS PROCESOS
ANEXOS DOCUMENTAIS
BIBLIOGRAFÍA
ABREVIATURAS
ARQUIVOS UTILIZADOS
PRENSA
OUTRAS FONTES UTILIZADAS
ÍNDICE DE CADROS
ÍNDICE DE NOMES
LIMIAR
A memoria selectiva da Galicia traballadora fixo do 10 de marzo de 1972 unha data xa histórica. Cómpre, sen embargo, evita-la tentación de entronizar aquel acontecemento no Olimpo das mitificacións históricas, cada vez máis poboado nesta Galicia oficial e neobarroca, para non caer no ridículo de ver que un día, e solemnemente, alguén entrega as medallas do 10 de Marzo a honestos traballadores.
A mitificación, sobre todo se é inducida polo aparato político, afasta o acontecemento da súa realidade histórica, manipula os feitos, converte en anónimos os protagonistas e, sobre todo, priva da súa virutalidade exemplarizante o propio acontecemento. E nada mellor para evitar esta tentación có rigor histórico empregado polos autores nesta obra, e mesmo o seu exercicio de austeridade na cualificación dos sucesos. Foi isto o que os levou a titulala Unha data na historia e que eu voluntariamente corrixo æque me perdoen por “unha data histórica”.
A fixación no 10 de marzo, determinada polos sucesos daquel día, explícase por unha especie de economía da memoria colectiva que tende a focalizar nunha data o que realmente foi un longo proceso que antecede e prosegue ó 10 de marzo. Un proceso de radical racionalidade na loita obreira, xa que significaba a maduración dunha nova estratexia que interesa explicar.
Cando nos anos sesenta o réxime franquista estaba máis estabilizado, satelizado polos Estados Unidos e, por conseguinte, contando cos apoios das grandes potencias occidentais; cando abría a súas fronteiras á emigración e ó turismo para atrae-las divisas que posibilitaron o seu desapego industrial, a oposición ó réxime, tanto no exilio coma no interior, seguía manxando un discurso de denuncia do franquismo como antidemocrático e fascista. Era xustamente cando as grandes potencias premiaban o dictador por antidemócrata e fascista, é dicir, pola súa militancia anticomunista e pola represión sobre o mundo laboral e intelectual. A oposición mantiña unha manobra de acoso, derivada da Guerra civil e da Segunda Guerra Mundial, cando o panorama internacional estaba xa definido arredor da Guerra Fría o que determinou unha nova selección de “países amigos” das potencias occidentais.
Só o Partido Comunista comprendeu a urxente necesidade de cambia-lo discurso e de mudar radicalmente de estratexia. Sen renunciar a un discurso democrático e sen deixar de influír nos distintos estratos da sociedade entendeu que era necesario primar certas actuacións onde máis eficazmente puidesen golpea-lo sistema. Ese novo campo de actuación foi o mundo laboral, aproveitando o desapego económico español, a creación de novas empresas e a necesidade do réxime de amosar ós seus socios a normalidade das relacións laboriais e a conveniencia de investir no noso país.
Por iso, a partir dos anos sesenta, o Partido Comunista deseña unha manobra, a través de Comisións Obreiras, para penetrar no tecido industrial, rachando co suicida abstencionismo dos sindicatos de clase, e aproveitándose da lexislación vixente para “copar” os postos de responsabilidade, desde os enlaces sindicais ata os xurados de empresa. Esta lenta e constante penetración, que vai permeabilizando os estratos do mundo laboral, é xa unha gloriosa historia, chea de renuncias, sufrimentos e persecucións que día a día agroman na historiografía.
As Comisións Obreiras, ás que empezan a seguir os outros sindicatos de clase, desarticulan desde dentro o sindicato vertical, aceleran as contradiccións do sistema oficial aproveitando a sinatura dos convenios colectivos, os cesamentos e depuracións, as represións, e atraen a gran masa laboral definitivamente desenganchada do sindicato oficial.
No ano 1971 o Partido Comunista e Comisións Obreiras deciden dar outro salto cualitativo na súa táctica, que se concreta, polo que respecta a Galicia, na II Asemblea das Comisións Obreiras (1972). Entendendo que se verificaban as circunstancias obxectivas (incremento dos cadros, maior presencia en tódalas empresas, endurecemento da dirección con respecto ás demandas laborais, primeiros síntomas de crise do aparato político, etc.) acordan supera-la etapa da clandestinidade sindical e publica-los seus proxectos e demandas, os nomes dos líderes, as conquistas feitas, calculando que os danos xerados por esta publicidade quedarían abondo compensados coa solidariedade das demais clases sociais.
O goberno entendeu perfectamente esta estratecia e deu en combatela. Neste contexto é onde deben situarse os acontecementos do 10 de marzo de 1972 na cidade de Ferrol. O seu desenvolvemento responde a un modelo moi ben razoado:
-Emprégase como instrumento para xera-la crise a necesidade de elaborar un novo convenio colectivo, de eido local e non interprovincial.
-Presupoñendo a resistencia da dirección da empresa preténdese reforza-la solidariedade e os apoios das outras empresas para que, xuntos, puideran facer fronte ás medidas de forza que se agardaban.
-Estende-lo conflicto á cidade e a Galicia, solicitando a solidariedade doutros grupos sociais, nunha campaña de aberta resistencia antifranquista.
Os feitos aconteceron como estaba previsto, agás pola brutalidade da acción policial que acabou coa vida de Amador Rey e Daniel Niebla máis corenta feridos, algún moi grave, como Julio Aneiros. Tampouco estaba prevista a durísima represión desencadeada polo goberno.
Logo de tantos anos un segue a preguntarse polo éxito ou fracaso daquel reto tan ben programado. A consecuencia inmediata foi o descabezamento dos cadros do sindicalismo de clase. Aparentemente caía desfeita unha trama urdida con tesón e esforzo durante dez anos. Sen embargo, aquel acontecemento sensibilizou a toda Galicia e mesmo a España, traspasou as fronteiras e a prensa libre internacional cuestionou, unha vez máis, ó réxime español; os socios internacionais sentíronse incómodos con Franco. Por vez primeira a Igrexa, representada polo bispo galego monseñor Araujo, deslexitimou a acción dun goberno que reprimía brutalemente unha manifestación obreira. A Universidade pechou as súas facultades e os distintos colectivos cidadáns solidarizáronse coas víctimas, cos obreiros, e reclamaron liberdade.
Os sucesos do 10 de marzo non resolveron definitivamente cousa ningunha, pero abriron unha fendedura máis no casco do réxime e demostraron que catro mil obreiros organizados eran capaces, por un momento, de botarlle un pulso a un réxime autoritario con trinta anos de experiencia represora.
A obra dos profesores Gómez Alén e Santidrián Arias, acreditados expertos na historia social contemporánea e máis especificamente na historia do movemento obreiro, é moito máis que unha crónica do proceso que conduce ós acontecementos dos 10 de marzo de 1972. É, ademais, unha análise da creba do sindicalismo oficial e a súa substitución de feito polo sindicalismo de clase, que lidera nese momento en Galicia a fronte antifranquista.
Os autores non magnifican os sucesos nin fan concesións ó sentimentalismo, tan propicio polas circunstancias tráxicas do feito. Non mollan a súa pluma no sangue dos mortos e feridos nin na dor de tantas familias golpeadas polo infortunio. A súa redacción é dunha exemplar austeridade científica.
Utilizan unha información exhaustiva pero selecciónana con rigor, de xeito que a acumulación de noticias e datos non entorpece o seguimento da narración. Recorren á información oficial, ás actas, ós informes (algún, como o do Ministerio do Traballo, extremadamente lúcido) e non caen na tentación de xulgar estúpidos ou ignorantes ós xestores oficiais das empresas estatais por mais que as súas conductas foran tan antidemocráticas. Neste senso esta investigación é un modelo de ecuanimidade.
Ofrécenos un anaco da nosa historia máis recente, máis ca como unha homenaxe ós loitadores pola causa da liberdade como revelación da estratexia do PC e de CCOO e dun modelo de loita laboral.
A democracia non foi un regalo da providencia. Queda claro neste libro que foi conquistada por moitos españois que empeñaron a súa tranquilidade, o seu tempo, a súa libertade e mesmo a súa vida neste proxecto de democracia.
XOSÉ R. BARREIRO FERNÁNDEZ