Palacio de Congresos e Exposicións. Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2007.
01/01/2009
«Mereceu a pena». Con estas sinxelas palabras, Manuel Amor Deus avaliaba os tempos das loitas antifranquistas; e co sentido vital que o caracterizaba e que o facía esquecer os sufrimentos vividos, apostilaba: «Aquilo foi bonito».
Manuel Amor Deus foi, nin máis nin menos, un dos protagonistas dos sucesos do 10 de Marzo de 1972. É dicir, Amor Deus foi protagonista dun dos acontecementos de maior transcendencia na historia contemporánea de Galicia e de España.
Como traballador na Empresa Nacional Bazán foi, dende a súa militancia no Partido Comunista, un dos promotores das ilegais Comisións Obreiras, o que o conduciu perante os tribunais franquistas e ás cadeas da ditadura durante varios anos. Xa coas liberdades que el contribuíu a conquistar, Amor foi fundador do movemento das comisións obreiras na clandestinidade, primeiro secretario xeral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e membro da primeira Comisión Executiva da Confederación Sindical de Comisiones Obreras.
Naceu nunha familia humilde o 16 de febreiro de 1941, no barrio obreiro de Esteiro, en Ferrol, cando o ditador pretendía que a Cidade Departamental fose «del Caudillo». Eran os tempos da fame, do silencio e do medo. «En Ferrol había medo, respirábase medo», lembraba Manuel Amor.
Aos catorce anos entrou como aprendiz en Bazán, cando «Ferrol era Bazán», cando Bazán era «a única saída que había en Ferrol». Alí aprendeu o seu oficio de mecánico —que desenvolveu durante un breve período en Astano—; e tamén aprendeu outras moitas cousas, porque en Bazán principiou o seu compromiso político nos anos sesenta, talvez empurrado polas duras condicións en que os traballadores desempeñaban os seus labores. A morte dun compañeiro en accidente laboral foi o acontecemento que o impulsou a se integrar na loita antifranquista. Neses anos participou nos primeiros conflitos dentro da factoría e na súa cidade. Detrás deles estaban os militantes comunistas e as comisións obreiras, das que Manuel Amor formaba parte. O traballo clandestino e a presentación de candidatos nas eleccións para o Sindicato Vertical comezaban a dar os seus primeiros froitos. A Manuel Amor escollérono os traballadores como o seu representante para defender os seus dereitos cando facelo era un delito, para negociar o convenio coa súa empresa. E para esixir liberdades nun país onde non existían.
A partir dese momento, os acontecementos precipitáronse. «Un día o pobo foi dono de Ferrol», segundo dicía Amor Deus; e ese día foi o 10 de Marzo de 1972. A morte de dous traballadores e as decenas de feridos demostraron, unha vez máis, o que significaba a ditadura franquista. Amor sufriu a represión en carne propia. Inculpado no Proceso dos 23 de Ferrol, foi condenado a moitos anos de prisión. A brutalidade do réxime púxose de manifesto cando lle impediron saír ao enterro do seu fillo, que morrera atropelado.
Morto o ditador, as mobilizacións populares conseguiron a amnistía política e a amnistía laboral. Manuel Amor saíu da cadea en 1976 e reincorporouse de forma inmediata á loita polas liberdades e a transformación do movemento das comisións obreiras nun sindicato. Participou na V Asemblea Nacional das Comisións Obreiras de Galicia e na Asemblea de Barcelona e, finalmente, foi elixido secretario xeral no congreso de constitución do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia en xuño de 1978. En diante, Manuel Amor Deus foi peza fundamental na consolidación da súa organización. Como alguén escribiu, Amor «construíu o sindicato, en Galicia e España, e cando o deixou, xa camiñaba só, forte e representativo».
Tocoulle vivir, ademais, momentos de grande intensidade social e política en Galicia e en España. Estivo na primeira liña nas loitas polas melloras das condicións de vida e de traballo da clase obreira e tamén na conquista do Estatuto de Autonomía de Galicia; nos sucesos do 23 de febreiro e mais na campaña do referendo sobre a OTAN, as folgas xerais en Galicia e en España…
«Sempre que me dixeron que estivera aí, estiven, agora hai un grupo que non quere e xa non estou», declarou en 1989, cando dimitiu como secretario xeral. «Pero —continuaba— o sindicato necesita xente e creo que seguirei traballando para el». E así foi. Regresou ao seu posto de traballo ata que en 1992 lle foi concedida a incapacidade permanente total. Diagnosticóuselle unha asbestose, enfermidade contraída polo contacto co amianto no seu posto de traballo nos estaleiros. A loita contra a súa propia doenza acompañouna doutra loita para que a enfermidade fose recoñecida como enfermidade profesional: «Hai que seguir dando a batalla. É o que fixen durante toda a miña vida. Falo do amianto, por non esquecer a tantos e tantos compañeiros que quedaron no camiño», escribiu pouco antes de morrer, coa xenerosidade que sempre o caracterizou. Morreu o 26 de xuño de 2007, vítima do cancro de pulmón derivado da asbestose.
A lembranza que deste compañeiro permanecerá sempre nas nosas memorias será o dun Manuel Amor Deus vital, alegre, que desinteresadamente contribuíu a acadar para todas e todos o mellor dos tempos que vivimos.