Palabras e música para Anxo Guerreiro w a súa xeración política
30/04/2007
Máis de cincocentas persoas participaron nos dous actos de homenaxe ao político galego, organizado o 14 de abril pola Fundación 10 de Marzo. Pérez Touriño, na súa intervención, reivindicou con forza o seu pasado comunista e o maxisterio de Anxo Guerreiro.
Nun moi nutrido acto político, celebrado no teatro Principal de Santiago, e nun xantar, no Restaurante Los Robles, aos que asistiron máis de cincocentas persoas, consistiron os actos de homenaxe a Anxo Guerreiro Carreiras, que fora Secretario xeral do PCG e de Esquerda de Galicia e deputado no Parlamento de Galicia por estas forzas políticas en dúas lexislaturas. Os actos celebráronse na significativa data do 14 de abril, un día soleado neste ano 2007, que contribuíu a dar prestancia e brillantez a esta homenaxe, de palabras e de música, a unha das personalidades máis relevantes, dignas e exemplares da política galega na ditadura, na transición e na democracia.A homenaxe foi organizada pola Fundación 10 de Marzo co obxectivo primeiro de recoñecer a traxectoria a achega políticas de Anxo Guerreiro, tanto na loita contra a ditadura e polas liberdades como na transición, para o establecemento da democracia en España e da autonomía política en Galicia. Xunto con este obxectivo, a Fundación pretendía a realización dun acto político e cultural de homenaxe a toda unha xeración e a fixación na memoria histórica das etapas do tardofranquismo e da transición. Etapas moi susceptibles de ser esquecidas ou deformadas por quen non participou nela, participou pouco e tardiamente ou non o fixo desde a esquerda.O acto do Principal, brillantemente conducido polo xornalista director do programa Crónica da Radio Galega, Tino Santiago, reuniu a máis de cincocentas persoas moi representativas da esquerda de Galicia, na súa maior parte pertencentes á xeración política de Anxo Guerreiro. “Menuda redada facía aquí a polí hai uns anos”, comentaban con humor algúns asistentes ao constataren a catadura política dos reunidos. Unha boa parte desta xeración exerce hoxe o poder e participa do actual Goberno bipartito en Galicia ao máis alto nivel. Pérez Touriño, Lola Villarino, Méndez Romeu ou Fernández Antonio eran unha boa mostra disto. En todo caso, a presenza de personalidades da vida política e cultural de Galicia foi moi ampla e, hai que dicilo, moi medida desde o campo nacionalista. No faltou, por certo, a representación dos tres sindicatos coa significativa presenza de Xesús Mosquera, ex-secretario xeral da UGT, Fernando Solla, ex- secretario xeral da CIG-A Coruña, ademais, claro está, de Xan María Castro, secretario xeral de CC.OO. de Galicia.O acto político do Principal abriuse cunha pequena peza audiovisual, de Xosé Abad, que marcou o tono político, cordial e de humor de toda a homenaxe engadíndolle, á música e á palabra, unha imaxe documental ao ritmo das cancións que subliñaron o entusiasmo, os soños e os amores de toda unha xeración. O cuarteto de corda de Antón Seixo, intercalándose cos oradores, interpretou, con virtuosismo e gran sensibilidade, os tres himnos que alimentaron a paixón política da xeración homenaxeada: o himno de Riego, a Internacional e o himno Galego, xunto coa peza, que sen dúbida, foi a banda sonora desta homenaxe a Anxo Guerreiro, “Caballero de fina estampa”. As intervencións que iniciou o Alcalde de Santiago, Xosé Bugallo, e pechou o propio homenaxeado, estiveron a cargo de Xan López Facal, Iolanda Díaz, Camilo Nogueira, Ana Liñares, Xan María Castro, Lola Villarino e Emilio Pérez Touriño. Todos os oradores e oradoras, ademais de destacar e describir a personalidade de anxo Guerreiro, recoñeceron nel a toda unha xeración e verteron xuízos e valoracións sobre a realidade política de hoxe. Cabe destacar, pola súa significación e intensidade, a reivindicación do seu pasado comunista, por parte de Emilio Pérez Touriño, e o recoñecemento do maxisterio político, que sobre el exerceu Anxo Guerreiro.Foi esta homenaxe un acto político en toda regra, na súa significación e no seu propio discurso, pero que se viviu nun clima de fraternidade, en moitos casos alimentada por encontros e reencontros e que, ao remate, concluíu nunha verdadeira festa, seguramente inesquecible para moitos dos participantes.Cómpre deixar constancia de que a moi acertada organización do acto estivo a cargo dun equipo dirixido por Manuel Villares e composto por Emilio Crespo, Concha Lago, Ana Liñares, Mabel Pérez Simal, Arturo Reguera, Víctor Santidrián, Pedro Vega e Vicente Montoto, que asumiu a dirección escénica do acto.
Intervención de Ana Liñares
Estimados compañeiros e compañeiras:
Estou moi emocionada por esta homenaxe que me estades a facer. Síntome moi honrada. Moitas gracias porque ademáis creo que é total e absolutamente merecida.
Non, non me equivoco. Eu ben sei que non me chamo Anxo Guerreiro.
Nin me equivoco nin pretendo ser petulante. Aprópiome deste acto porque me sinto Geluco coma sei que vos sentides todos os que compartimos con él algún traxecto do camiño a Ítaca.
Un camiño no que compartimos tempos e espacios, ideas e inquedanzas, paixóns e frustracións, medos e esperanzas, cíclopes e Fenicias.
Unha viaxe longa con algunha parada para atar os zapatos e recolocar as maletas porque conservamos a idea de Ítaca, fermoso destino.
Por eso entendo que esta homenaxe é colectiva.
Vai adicada a todos aos que nos está temblando o corazón desde o primeiro silencio deste acto.
E aos que non están por múltiples motivos.
E aos que empezaron moito antes a viaxe.
E aos que nos encheron coas súas experiencias.
E aos que nos trasmitiron a súa emoción.
E para os que plural non consiste só en engadir un s ao singular
Si, sin lugar a dudas, este é un acto colectivo.
É a nosa homenaxe.
Pero tampouco nesto estou confundida porque neste colectivo hai un referente. O nome de Anxo Guerreiro inclue o nome de todos e cada un de nós.
Porque cando decimos Anxo Guerreiro:
Estamos decindo partido comunista: Defensores das libertades en momentos que precisaban coraxe, valentía e moitas renuncias persoais.
Estamos nomeando aos loitadores contra os fascismos e a dictadura,
Estamos incluindo aos que fixeron e fan da coherencia un xeito de vida.
Estamos relacionando a todos os que cremos en proxectos colectivos e transformadores
Geluco é a nosa referencia. Sentímolo así porque sempre soubemos onde estaba, incluso cando tan difícil era saber por onde andaba o persoal, sabemos onde está e estamos seguros de onde estará.
Cando moitos de nós saíamos e entrábamos no partido, subíamos e baixábamos no compromiso, iamos e víñamos na militancia, condicionados pola vida, polo corazón ou pola cabeza. Geluco sempre estaba alí. Sempre está ahí. Sempre. Sen faltar un só día, sen fallar unha soa noite.
Mesmo cando tivemos que marchar todos pola vontade democrática da cidadanía, foi el quen soubo apagar a luz e pechar a porta, nun dos actos de dignidade política e democrática máis exemplares deste pais.
Eu non veño aquí como amiga de Geluco. Non veño a aportar unha sobredosis de afecto porque os afectos non precisan de tribunas, fanse sentir no día a día.
Non veño a relatarvos a chea de motivos polos que quero a Geluco.
Veño a buscar con vós as palabras máis certeras, as máis gratificantes que, nun día coma hoxe, sirvan para agradecerlle toda a súa traxectoria e que sexa como é.
E non encontro palabras que poidan superar o significado da vosa presencia aquí nin o calor dos vosos ollos.
Non encontro palabras que nos sirvan para agradecerlle a total entrega de si mesmo e das súas capacidades.
¿Cales podo empregar para recoñecerlle a Anxo Guerreiro que non existan diferencias entre o que pensa, o que di e o que fai?
Hai unha. Quédaseme pequena, pero só direi gracias.
Gracias Geluco
Gracias
Pola túa entrega
Pola túa lucidez
Polo teu compromiso
Pola túa valía intelectual
Pola túa permanente implicación
Por dignificar a política
Pola túa traxectoria
Por ser o noso referente
Gracias por ser exemplo de coherencia
Gracias porque esto é a esencia da túa historia
¿A que non dixen nada novo?
Pois a seguir. Que aínda temos que falar de moitas cousas, compañeiro da alma, compañeiro.
E PARA TODOS: SAÚDE E REPÚBLICA
Intervención de Arturo Reguera
A razón de que hoxe vos fale, e a de que, probablemente, entre todos os que nos reunimos aquí hoxe nesta merecida homenaxe, eu son o que coñece a Geluco desde hai máis tempo, e podo contarvos unha parte da súa vida descoñecida para a maioría de vós. Coñecín a Geluco o primeiro día de clase no Instituto, que como ben se pode entender, era para nós o día de empezar unha nova etapa das nosas vidas, e polo tanto do que me lembro bastante ben. Con algunha excepción, todas as caras que vín eran novas, e non esaxero se digo que a primeira cara que se me quedou foi a de Geluco, pola viveza con que me contestou a algo que dixen e co que non debeu de estar moi de acordo, e tamén por aquelas gafas que xa usaba, e que lle daban un aire inconfundible.Era unha vida moi diferente, na que, en lugar da mestra que che daba de todo, había un profesor por asignatura (ou profesora para ser políticamente correctos, pois o xénero femenino, sen cumplir a cuota con criterios de hoxe, para aqueles tempos non estaba mal representado), e esta variedade obligábanos a ensaiar e poñer en práctica diferentes estratexias para defendernos de segundo qué perigos.Entre aqueles profesores estaba, por exemplo, Don Froilán, aquel crego catedrático de latín, con tal capacidade para aquilatar a sabiduría dun alumno que distinguía entre ceros altos e ceros baixos. Con il aprendimos a Temporum Consecutio, aquelo de “Los franceses temen que los alemanes resurjan”, ou ben “Cuando venía para clase pasaba un ciclista corriendo”, ou aínda “Llegar tarde a clase es punible”, xa sabes, “Llegar tarde a clase hoy es punible hoy”, “Llegar tarde a clase ayer es punible ayer”, “Llegar tarde a clase mañana es punible mañana”, e seguro que tampouco esqueciches aquelo de “Determinantes de entendimiento lengua y sentido forman completivas de infinitivo, con sujeto propio en acusativo, aunque sea el mismo de la principal”. En fin, “pon una faltita ahí, hombre, pon una faltita ahí”Naquel Instituto Masculino de Lugo tamén coñecimos a un rapaz, algún curso máis novo que nós, pero que se facía notar porque en calquera festival ou outro pretexto en que o deixaran subir ó escenario do Salón de Actos, alí estaba recitando todo o que o deixaran. Andando o tempo sería entrañable amigo, noso e da maioría de vós, senón de todos. Falo de Rafa Bárez, que non podía deixar de ter hoxe a nosa sentida lembranza.Así, coa Nacha, a Torviso, Don Delio e otras glorias pasámo-la reválida de 4º e perdimos de vista o latín e a Don Froilán. Á Torviso, aínda a teríamos que volver a padecer no Bachelerato Superior, como entón se chamaba, e xa que falei de cuotas, era muller que con ela sola chegaba e sobraba para representá-lo seu xénero, e que nos facía rosmar polo baixo, ¿E logo non habería un home, por cabrón que fora, que nos poidera dar Ciencias Naturais?En 5º houbo incorporacións significativas, varios rapaces que foron e son entrañables amigos nosos, pero ún deles non podo deixar hoxe de mencionalo polo nome, porque lamentablemente xa fai anos que non está entre nós, e porque foi compañeiro de militancia política e sindical e amigo de moitos de vós. Estou falando de Luís Macía Salgado, Papís para os amigos. Para el a nosa lembranza, que ben a merece.O primeiro día de clase de 6º, á primeira hora apareceu un profe novo, que nunca víramos. Chamaba nel a atención o seu trato cercano e agradable, o ben que ensinaba a Literatura, e que entre metáforas puras e impuras e outras preceptivas, ía metendo cousas das que ben sabiamos que non todo o mundo se atrevía a falar. A aquel home daquela chamabámoslle D. Jesús, o profesor lembrado con admiración e cariño. Para moitos de nós convertiríase co tempo en Xesús, o amigo. Xesús Alonso Montero.E chegamos a Preuniversitario, que se abreviaba polo resto do mundo como Preu, pero os de Lugo chamabámoslle Pre. Chegamos a Santiago, nunha aula enorme na antiga Facultade de Dereito, na que colliamos tódolos de Lugo e outros tantos. Tódolos de Lugo do Masculino, que coas rapazas do Femenino non nos xuntaban nin para facer un exame, non fora a ser. O exame consistía nunha materia por sorteo entre tres, de Literatura, Xeografía ou de Filosofía. En Literatura íbamos potentes, gracias a D. Jesús, en Xeografía pse psa, e en Filosofía, que nos daba D. Glicerio, máis frecuentemente chamado D. Glichi, home bon, republicano fortemente represaliado polo franquismo, e que no crepúsculo da súa vida, canso de tanto como aquel home tería aguantado, non conseguía facer bon de nós, e menos meternos na cabeza o Tomismo, que era a única Filosofía que viña no noso libro. Alí estabamos naquela aula que xa en por sí impoñía solemnidade, cando un señor de voz campanuda nos anuncia: “les ha tocado en suerte la Propiedad”, que tal era o tema de Filosofía que entraba aquel ano, quedamos abraiados. Pero inmediatamente vemos a Geluco poñerse de pé e preguntar: “¿por favor, si se nos acaba el papel podemos pedir más?”. De seguido veu, como non podía ser menos, unha sonora gargallada de todos nós, escoitada con asombro tanto polos profesores como polo resto dos alumnos, que non entendían nada. Aquelo levantounos a moral e puxémonos a escribir por onde as nosas imaxinacións nos guiaban, e non o debimos facer moi mal, pois o feito foi que aprobamos case todos.Logo veu a vida de estudiantes en Santiago, na que compatibilizábamos a nosa progresiva concienciación política con outras andainas non tan exemplares. ¡Menudo trío facías co Luís e co Jose! E con outros bos amigos que están hoxe aquí e outros que non están. Non vou dar apelidos que agora somos todos xente de moito respecto.Por aquela chegou a Santiago un rapaz que os de Lugo xa coñeciamos, aínda que deixaramos alí un neno e atopámonos en Santiago cun home feito. Estoume referindo ó teu irmán Gil, alegre, simpático, tan parecido a ti nalgunhas cousas e tan diferente noutras, que logo se fixo amigo entrañable de todos nós. É outro dos que lamentablemente xa non están entre nós, e para quen tampouco podía faltar hoxe a nosa lembranza.Despois empeza xa a loita antifranquista, a militancia política, as folgas na Universidade, etc. Pouco a pouco vas construíndo a túa historia, que deixo para que falen outros. O meu papel hoxe non é máis que traer aquí a prehistoria que ten toda persoa, incluso os que teñen unha historia como a túa.Pero non podo rematar sen mencionar a unha muller fundamental en moitos aspectos na vida de Geluco, comezando polo puramente biolóxico. Refírome á súa mai, María Carreiras, a quen tanto lle gustaría estar hoxe aquí, disfrutando ó ver cántos e qué bos amigos ten o seu fillo. Ela, aquela auténtica Madre Coraje, sempre ás duras e ás maduras, anque a vida lle dera máis duras que maduras. Podo dicir con orgullo que a min quíxome case tanto coma un fillo, e tamén é certo que eu a quixen case tanto coma unha mai.¡Qué bágoas tan amargas choramos abrazados na morte de Papís!Para que vexades a enorme humanidade de aquela muller, finalizarei cunha anécdota que me parece significativa do ben que gobernaba ela as súas contradiccións. Unha vez díxome, non me lembro cando pero sí que foi nunha das moitas ocasións en que andabamos capeando como podíamos a represión daqueles tempos: “mira Arturiño, eu ben sei que para vós estas cousas non teñen importancia ningunha, pero tes que saber que eu rezo moito por todos vós”.