17/03/2011
Esta exposición ten como obxecto conmemorar os cincuenta anos do nacemento dunha asociación cultural, O Galo, a primeira que aparece en Galicia desde a guerra civil. O contido desta modesta mostra vaise referir aos seus dez primeiros anos de andadura; ao que se pode considerar itinerario inicial deste grupo de de acción cultural «difusa», naquela produtiva e apaixonante década.
A entidade púxose a andar pola primavera de 1961 da man dun fato de rapazas e rapaces inquedos que, en maior ou menor medida, viñan da contorna do laboratorio de ideas de Xelmírez 15, que dirixía o principal axente da reconstrución do galeguismo de posguerra, Ramón Piñeiro.
Contrariamente ao aprendido (formación en pequenos grupos, clandestinidade, prevención nas accións…), deron un importante paso cualitativo ao actuar na sociedade compostelá de forma aberta e organizada e sen medo á acción pública, para propagar elementos identitarios e ser un importante elo de referencia para a recuperación e o achegamento ao noso idioma e á cultura propia, mais coas cautelas precisas para non esboroarse. A participación colectiva, sen protagonismos, e o traballo en comisións caracterizaron a súa dinámica de funcionamento e de xestión. A mostra consta de 20 paneis.