Introducción
Nunha situación económica de extrema gravidade para amplos sectores sociais (desempregados, ocupados en precario, dependentes, etc.), cobra especial importancia saber cales son as mellores opcións para canalizar os moi escasos recursos públicos e privados do país. Neste artigo preténdense identificar os elementos máis dinámicos do noso capital social (empresarial, laboral, institucional) no pasado recente para, feito isto, pensar en configurar con eles unha estratexia de saída —sólida e social— da actual recesión.
O autor considera que na tan traída e levada necesidade de que o conxunto da economía española cambie o seu modelo de crecemento (turismo máis inmobiliario) ou de modelo produtivo, a estrutura económica de Galicia configurouse cunha oportuna especialización industrial afanada no exterior que, debidamente recoñecida e potenciada, pode ser o único motor capaz de provocar a nosa saída da recesión. E, máis alá aínda, ser o núcleo económico que nos permita gañar o futuro no mundo que xurda da globalización posterior a esta Grande Recesión na que estamos inmersos.
Aínda que non é menos certo que contamos con importantes debilidades na nosa estrutura social (demografía en declive, grande índice de dependencia en maiores sobre ocupados, baixa taxa de actividade, desánimo de mozos e mulleres, desenvolvemento desigual territorial, marco institucional obsoleto —municipios e provincias—, etc.), non o é menos que, en boa medida, tales debilidades serán modificadas só se o crecemento económico que se produza tras a saída da recesión ofrece oportunidades de emprego digno para os cidadáns en idade —e cualificación— de desempeñalos.
Como se sabe, a economía galega pechou o ano 2008 un longo período de medra económica. Durante a última década, o ritmo de incremento do pib foi, en xeral, superior ao 3% e, mesmo, nos tres últimos anos superariamos o crecemento medio da economía española. Feito este que non se producira máis que de forma excepcional nos anos 1999 e 2004, de celebración xacobea. Tal ritmo de crecemento, xunto cunha dinámica demográfica moito menos expansiva, estaría detrás dunha paulatina converxencia —na riqueza xerada por habitante— coa media española e europea.
Esta longa fase de crecemento viría explicada por unha conxuntura internacional (na UE e no mundo en xeral) moi favorable, que permitiu un dinamismo moi acusado das nosas actividades industriais (automoción, confección, naval, alimentarias, etcétera). En consecuencia, o sector industrial en Galicia gañou peso nesta última década en termos de produción e de emprego. Este contexto favorable dos mercados exteriores e mais unha intensificación dos investimentos públicos executados en Galicia dende o ano 2006 son os factores que explicarían o noso excepcional maior crecemento nos últimos anos.
O sector da construción residencial tamén contribuíu a esa medra, aínda que non coa mesma intensidade que no conxunto da economía española. Con todo, a participación do sector no pib agregado de Galicia situaríase por riba do peso que ten nos países do noso contorno. Sería esta unha ameaza (polo endebedamento que o financiaba e polas actividades a el encadeadas) que había incidir moi negativamente na conxuntura que se abría en 2008 en España, na UE ou nos EUA.
A crise financeira, a explosión da burbulla inmobiliaria, a recesión dos mercados mundiais van ser factores que expliquen a caída do pib a taxas negativas no ano 2009 (–3%). Manter un ritmo de investimentos públicos (con fondos estatais e da UE) como nos últimos anos, que permita corrixir de forma selectiva e urxente determinados déficits de infraestruturas (físicas, de capital humano, tecnolóxicas), non só se converte agora nun factor clave para paliar a recesión actual, senón tamén para fundamentar o crecemento futuro.
Pero o motor da recuperación non pode ser outro que o que deriva da nosa crecente apertura aos mercados exteriores nas últimas décadas. Neste sentido, a mellora da nosa cota de exportacións (especialmente en mercados emerxentes fóra da UE) e do noso saldo exterior han de ser obxectivos centrais dunha estratexia económica. En relación cos países ou rexións de referencia (Alemaña, China…) que teñen saldos co exterior positivos, a economía galega mantén cifras negativas que mesmo veñen empeorando. De xeito complementario, tanto os investimentos recibidos do exterior como os realizadas polo noso tecido empresarial deben considerarse obxectivos daquela estratexia: porque na actualidade, a nosa cota nas cifras españolas é case residual e non mostra unha tendencia clara para deixar de selo.
Investimentos públicos asociados a mercados e investimentos exteriores serán os dous eixes en que basear unha recuperación do emprego destruído nesta recesión, cunhas taxas de crecemento que igualen as do pasado recente. Que permitan —entón— converxer en taxas de ocupación ou emprego tanto global como feminino coas medias española e europea. E que permita interromper un éxodo migratorio —sobre todo dos máis novos e cualificados— que nunca deixou de producirse dende Galicia. Asunto especialmente grave nun país que non se caracteriza, certamente, por un dinamismo demográfico que puidese servir de discutible xustificación daquel.
Pero a creación de emprego nunha economía cada vez máis internacionalizada pasa pola diferenciación e a calidade dos produtos, non polo baixo custo. Polo tanto, un emprego estable, non precario, non temporal, ben remunerado, coa formación permanente axeitada e coas contribucións de I+D+i precisas deberan ser entendidos como medios para conseguir o obxectivo competitivo e non como custos deste. Daquela, a taxa de emprego e o peso dos salarios na distribución do pib deben moverse na mesma dirección. Só desta forma o noso capital industrial e laboral poderán camiñar polas vías da competitividade na economía global que emerxa despois da recesión actual.
Diagnóstico e relacións comerciais
Consideramos que é un asunto central e estratéxico para Galicia a redución do seu voluminoso déficit co exterior. Ata o de agora, as comunidades autónomas con saldos positivos co exterior viñeron achegando saldos fiscais que compensaban, en parte,[1] o desequilibrio das máis pobres. Tal cousa non é seguro que continúe sucedendo no futuro no mesmo grao, polo que non deberiamos insistir nesta condición de país subvencionado. En segundo lugar, é ese tamén un asunto central porque o índice de competitividade e éxito comercial que supón un superávit co exterior é a mellor garantía para o desenvolvemento social, unido a unha elevada taxa de emprego. É dicir, a competitividade é o único camiño seguro para contarmos con posibilidades de emprego crecentes nun futuro inmediato.
- Grafico I
As tres comunidades autónomas menos ricas de España presentamos saldos negativos moi elevados co exterior, que contrastan cos positivos que teñen as máis ricas.[2] Ao tempo, as taxas de ocupación ou emprego son moito máis elevadas nestas últimas,[3] como pode observarse no gráfico I. De maneira que se, por exemplo, Galicia alcanzase a taxa de emprego que anota Madrid, teriamos que contar con douscentos mil ocupados máis; o que suporía (para as cifras de desemprego actuais) unha situación de pleno emprego.
A relevancia extrema da competitividade pódese comprobar cando unha comunidade autónoma como Cataluña, que conta cun saldo co exterior positivo (aínda que decrecente), teimou nun Acordo para a Competitividade que fose pioneiro en España.[4] Nesta mesma liña intenta situarse o Acordo pola Competitividade de Galicia 2008-2011 (Xunta de Galicia, xullo, 2008) asinado entre o anterior Goberno galego e os axentes sociais. Recoñecendo os seus aspectos positivos, este documento tiña unha limitación seria no feito de nin os documentos previos nin o documento final dispoñeren dun conxunto de indicadores de evolución da competitividade nun nivel agregado ou macroeconómico, o que dificultaba moito a definición de obxectivos concretos das medidas que se adopten e a avaliación dos seus resultados. Ao mesmo tempo, non abordaba a fondo o diagnóstico concreto sobre o problema que se pretende solucionar: a baixa competitividade en termos comparados.
Os informes sobre comercio internacional elaborados[5] pola ocde permiten polo menos estimar tres indicadores que se consideran básicos cando interesa avaliar a competitividade dun país ou rexión, a súa situación actual e a súa evolución futura. Trátase do saldo comercial, as taxas de penetración de importacións e a cota de exportación. Non obstante, estes indicadores han ser manexados con tino. En primeiro lugar, para Galicia, como rexión económica, as operacións comerciais co resto de España son tamén importacións e exportacións. Por suposto as que se fan co resto do mundo son particularmente relevantes cando se fala de competitividade e globalización. Pero todas as operacións deben terse en conta no diagnóstico. En segundo lugar, a penetración das importacións debe ser posta en relación coa evolución das exportacións: nun mundo con globalización crecente é inevitable que todos importemos cada vez máis, sexan produtos finais ou intermedios.
- Gráfico II
Nese sentido, o gráfico ii, que recolle a nosa cota de exportación como porcentaxe do total realizado pola economía española, é reveladora. Aínda que iniciamos unha senda positiva a partir do ano 2004, esta interrómpese abruptamente en 2008 aínda que mantendo en 2009 un nivel non pouco satisfactorio dada a conxuntura internacional. En todo caso, é verdade que a cota exportadora para Galicia que aparece no gráfico II se sitúa sempre por riba do 7% e claramente por riba do peso económico de Galicia, que é o 5,3% do pib español de media no período de referencia. A comparación destes datos podería servir para poñer en cuestión a nosa argumentación principal sobre a importancia da capacidade exportadora para o benestar económico e o emprego: exportar comparativamente máis que a media española non impide que sigamos cun nivel do pib per cápita, produtividade e taxa de emprego inferior.
A nosa argumentación vai na liña do apuntado ao comezo. Hai que analizar os datos con coidado. Existen polo menos tres argumentos para ter en conta. Primeiro, o sector da automoción deforma os resultados agregados.[6] De excluílo, o peso das nosas exportacións no total descende de nivel significativamente (por debaixo do 6%) e os nosos saldos fóra de España fanse estruturalmente negativos. En segundo lugar, cando falamos da cota exportadora para os grandes países emerxentes do mundo (Brasil, India e China), a nosa cota cae moi por debaixo do noso peso no pib e mostra unha tendencia negativa, finalizando sen superar o nivel conseguido no ano 2005 (gráfico iii).
- Gráfico III
De forma que estariamos a perder posicións competitivas na presenza das nosas empresas no conxunto das españolas cara a estes xigantescos mercados en forte expansión. Así que, se o conxunto de España non o está a facer ben, peor estámolo a facer dende Galicia. E isto malia as excepcións (non só Inditex ou Pescanova) que actúan ben nesta dirección. O terceiro argumento tería que ver co mercado interno español. As nosas exportacións están a crecer menos que as nosas importacións, así que aumenta o noso saldo comercial negativo, como veremos despois.
Na imaxe máis recente da nosa especialización exportadora fóra de España por sectores destacan, deixando a un lado o decisivo sector da automoción, a confección (manufacturas de consumo), vehículos industriais, naval e motores eléctricos (en bens de equipamento) e materiais de construción, ferro, etc. (en semimanufacturas) ou produtos de pesca (en alimentos).
A estas especializacións fóra de España habería que engadir enerxía eléctrica e produtos cárnicos e lácteos cando reparamos nas que se dirixen ao resto de España. Especializacións estas nas que non fomos ata o de agora capaces de capturar en todo o seu valor engadido (alimentario, ambiental, etc.) potencial.
De todos os xeitos, o modelo produtivo da estratexia que propoñemos (exterior e marítima) non debera senón partir das fortalezas e das oportunidades dos sectores nos que temos xa unha cota exportadora moi alta no conxunto da economía española. Despois de todo o anotado, non debería sorprendernos a súa visualización no gráfico iv.
- Gráfico IV
Neste contexto, débense citar como activos industriais moi valiosos as asociacións-clústeres ceaga (automoción), aclunaga (naval), atexga (confección) ou anfaco. Tamén en todos os casos debemos ser moi críticos cunha estratexia máis ca dubidosa: intentar competir nos nosos produtos con países de baixo nivel salarial. Pola contra, a especialización e a innovación deben buscar vectores competitivos alternativos: en automoción focalizar a I+D+i en mobilidade sostible e intelixente; no naval afianzar a capacidade do sector con novo solo industrial para a construción civil (derivando da pesca cara a equipos para os cultivos ou as enerxías). E a mesma filosofía da calidade, seguridade, duración, diferenciación e prestixio trasladala aos alimentos ou á confección, como moi ben fai xa Inditex.
Mentres isto non sucede, a situación global resultante vén recollida, como presentamos ao comezo, polo saldo comercial en relación ao pib. Por iso a nosa balanza comercial fóra de España non consegue atopar unha senda positiva estable, e cando incorporamos ao conxunto da nosa balanza as transaccións de bens e servizos co resto de España (gráfico v,) a deterioración da nosa competitividade semella non tocar fondo nas cifras negativas.
- Gráfico V
No ano 2008, a nosa cifra negativa (–16,5% para o ige e –21,1% para funcas) está moi lonxe dos referentes que poden ser Cataluña (+3,6% dato Idescat) ou Madrid (+4,4% dato funcas), eexións que parecen non desprezar o indicador da economía irlandesa (+15%) como un referente competitivo en Europa que conseguiu cotas máximas no seu nivel de pibpc na ue27.
Ciclos, modelo productivo e emprego digno
Daquela, por estas razóns a economía galega anotaría unha tendencia ao menor crecemento económico que o conxunto de España. Crecemento que, como agora imos ver, en xeral, se transformaría nunha menor creación de emprego e nunha perda do seu peso relativo nun período en que o conxunto de España incrementou en seis millóns o número de empregos.
Con datos de afiliados á Seguridade Social (gráfico vi), comprobamos esa menor creación agregada de emprego da economía galega e podemos secuenciar o ciclo económico 1991-2009 do seguinte xeito: 1991-1994 crise e recesión; 1995-1998 reactivación; 1998-2006 prosperidade; 2007-2008 crise; e xa no 2009, recesión. Do gráfico despréndese que, se a creación de emprego nas fases de crecemento vai por debaixo do ritmo deste, nas fases de desaceleración ou crise a destrución de emprego tende a ser maior.
- Gráfico VI
Con estas tendencias globais, se analizamos a evolución relativa do emprego entre 1986-2006 segundo a epa-ine (gráfico vii), o noso número índice do emprego pasa de 100 en 1986 a apenas 113 en 2006, fronte a un 176 no conxunto de España. Pero ademais destacan dous fenómenos moi rechamantes.
- Gráfico VII
Por un lado, a espectacular burbulla inmobiliaria que levou case a triplicar o emprego no sector da construción para o conxunto de España; burbulla que se produciría tamén en Galicia, aínda que cunha intensidade algo menor (o emprego apenas se duplicou no sector). Cabe esperar que, da mesma forma, o forte axuste do sector ao que asistimos nestes momentos implique unha destrución de emprego maior para a economía española que para a galega. Como efectivamente así foi, á vista dos datos do gráfico viii.
- Gráfico VIII
Pero aínda máis importante é o outro fenómeno. Ten que ver co único sector no que Galicia superou o conxunto da economía española durante eses vinte anos de integración na Unión Europea (índice 142 fronte a 125 no gráfico vii). Fronte aos agoireiros da sociedade postindustrial e da sociedade dos servizos, o certo é que Galicia ten no seu haber un dinamismo industrial envexable, como ben se observa no gráfico ix.[7] Xa sexa por investimentos directos recibidos ou por iniciativas locais moi competitivas, a posibilidade dos amplos mercados da ue está detrás deste éxito económico.
- Gráfico IX
E por ben que, nestes momentos de recesión, as economías máis industrializadas e abertas ao exterior estean a afrontar problemas graves derivados da contracción da demanda mundial, non é menos certo que só serán esas economías as que poderán tirar proveito máis inmediato da súa saída.[8] É por iso polo que Galicia debe alimentar por todas as vías posibles (e a Xunta de Galicia ten moito que dicir nestas políticas de oferta) a tendencia industrial e competitiva que en distintos sectores (compoñentes de automoción, sector naval, alimentos do mar, confección, enerxías renovables, loxística, etc.) tivo lugar durante o longo ciclo de crecemento anterior.
Porque en ausencia de tal estratexia verémonos arrastrados polo que podería denominarse sectores esponxa: aqueles que crean moito emprego precario na fase de crecemento, pero que o destrúen decontado nas fases de estancamento. Para algúns países significativos do noso contorno recollemos a evolución relativa do desemprego en Galicia nun recadro. Francia ou Alemaña estarían a padecer moito menos que España (ou Galicia) as consecuencias de tales sectores esponxa. Entre estes habería que destacar o complexo construtor-inmobiliario e as súas actividades manufactureiras encadeadas.
- Táboa 1
Por iso alarma, mais non sorprende, contrastar as cifras de evolución dos ocupados cotizantes á Seguridade Social que o 31 de xaneiro de 2007 se fixaron[9] no Acordo sobre obxectivos e medidas para o emprego en Galicia coa realidade.
- Táboa 2
Co que, certamente, a revisión e posta ao día das medidas para o emprego acordadas hai máis de dous anos, que semella non estaren axustadas á realidade económica que logo foi emerxendo, teñen neste incumprimento un argumento decisivo. Definir unha estratexia alternativa que aposte, como aquí se razoa, polos sectores de vocación exterior e pola perspectiva marítima do país, coidamos que é paso previo imprescindible para non seguir malgastando recursos en políticas de «chuvia fina» ou de «café para todos».
Canto á chamada dualidade do mercado de traballo, anotamos que non é unha boa compañeira dos aumentos da competitividade en calidade, diferenciación e innovación. Sen esquecer que ese mercado dual erosiona un vector substantivo da chamada sustentabilidade social esixible do crecemento económico dun país. Pois emprego, cohesión social, pobreza e dependencia son os conceptos que propón o Goberno de España para avaliar a sustentabilidade social do crecemento económico.[10]
Segundo a OIT, sabemos moi ben o que é e o que non é traballo digno. Trátase de avaliar en cada país o seguinte: oportunidades de emprego, traballos que deberían estar prohibidos, remuneración axeitada, horario decente, estabilidade, posibilidade de conciliar emprego e vida familiar, igualdade de oportunidades e trato, seguridade, protección social, diálogo social, representación dos traballadores. Para medir tales aspectos propóñense dezaoito indicadores clave que van dende o paro xuvenil, traballadores pobres ou mal pagados, xornadas de máis de 48 horas semanais, traballo infantil, porcentaxe de mulleres en cada categoría, mortalidade no traballo, nivel formativo, etcétera.
- Gráfico X
Choveu moito sobre a nosa situación económica e laboral nos últimos oito anos. A chamada dualización ou segmentación do noso mercado laboral multiplicou traballos temporais[11] (gráfico X), mileuristas (gráfico XI), precarios…, traballo non digno segundo a oit.
Tal proliferación do traballo non digno xa se intuía cando, mentres a taxa de ocupación aumentaba ano tras ano, a participación global dos salarios no pib diminuía; para, finalmente, comprobar hoxe que ese traballo non digno se transformou ou en paro masivo ou en economía encuberta, no que somos, desafortunadamente e como xa vimos, campións de Europa.
- Gráfico XI
Conceptos e indicadores que deben complementar o diagnóstico sobre a transformación de crecemento económico en desenvolvemento social que cuantificamos coa taxa de emprego. Dado o diferencial que xa se analizou no caso da taxa de emprego ou ocupación total, unha precisión de xénero que mellora a cualificación da sustentabilidade social e da cohesión social do crecemento económico é a taxa de ocupación feminina. A súa mellora pasa, necesariamente, por unha cobertura pública da educación infantil dende os 0 anos e da singular potenciación —como política de oferta— das súas oportunidades de emprego no Sistema para a Autonomía e Atención ao Dependente (saad), o chamado cuarto piar do noso estado de benestar.[12]
Tamén mellora ou se agrava a sustentabilidade social segundo varíe a ratio pasivos/ocupados ou a taxa de dependencia (cotizantes/perceptores da Seguridade Social). Con ela trátase de avaliar a taxa de persoas maiores que dependen entre nós de cada cen ocupados. No denominador desta taxa están só os ocupados e non no resto dos grupos da poboación. Sen dúbida parados, pero tamén desanimados, activos potenciais e inactivos. Mediriamos entón a «solvencia» do mercado de traballo rexional para financiar e soster o seu sistema de protección social aos seus xubilados.
- Gráfico XII
Reproducimos nese sentido un mapa (gráfico xii) elaborado pola Administración europea. Vemos como o mercado de traballo en Galicia provocaría unhas maiores taxas de dependencia (46%) e unha máis fráxil sustentabilidade do noso sistema de protección social que na media da ue27 (36%) e que en boa parte das rexións españolas. É obvio que tal situación deriva, por un lado, dunha alta taxa de envellecemento relativo. Pero se modificamos esta taxa en termos máis crematísticos a situación non mellora, pois cunha ratio entre a demanda de traballo (agora medida como os cotizantes á Seguridade Social, os activos do sistema) e a poboación dependente (agora a suma de pensionistas) situábase, no 2007, nun 1,52 en Galicia, mentres que esa cifra chegaba ao 2,31 no conxunto de España (gráfico xiii). Escaso numerador e elevado denominador en Galicia.[13]
Un diagnóstico, de novo, pouco positivo do noso mercado de traballo. Para a nosa cifra de pasivos sería necesario incrementar a cifra de cotizantes en máis de medio millón de persoas se se quere igualar a taxa media española. Tarefa certamente imposible que aconsella marcarse un obxectivo de seguimento deste indicador de cohesión e sustentabilidade social que supoña, polo menos, acelerar o ritmo de crecemento da nosa taxa.
- Gráfico XIII
Nestas circunstancias, e malia os efectos positivos de cohesión que derivan da caixa única da Seguridade Social en España, se a situación das rendas dos maiores no conxunto do país é preocupante, aínda o é máis no caso galego. Nun recente informe do Ministerio de Sanidade e Política Social estímase a situación de pobreza. Se temos en conta que o límite de pobreza[14] se situaba nos 7.533 euros e que a renda media en España da poboación maior de 65 anos era de 8.792 euros, a mala posición española non nos debería sorprender. Pero se temos en conta que en 2008 a pensión media española ascendía a 8.625 euros mentres que en Galicia era de 7.201 euros, é doado inferir que a situación relativa de Galicia en termos de taxa de pobreza dos nosos maiores é superior á media española.
Por iso non nos sorprenden —sendo moi preocupantes— os seguintes indicadores do saad para o ano 2008:
- Táboa 3
Déficits que, se por un lado informan dun esforzo orzamentario pendente de realizar moi intenso (ou dun déficit na cobertura e custo inicial do servizo), por outro supoñen —de facelo— un reto e oportunidade na creación de emprego de primeira magnitude para o futuro inmediato.
Conclusións
A breve análise que acabamos de presentar sobre as fortalezas e debilidades na sustentabilidade do crecemento económico de Galicia permítenos propoñer algúns indicadores para a avaliación dunha eventual estratexia económica de futuro; estratexia que nos axude a saír da actual recesión cun crecemento sólido e sostido que, asemade, favoreza a cohesión social e a calidade de vida dos colectivos sociais máis fráxiles. Porque comprobamos que a sustentabilidade do sistema de protección social en Galicia dependerá de máis en máis de que conte cunha economía rexional sólida e competitiva.
Máis que no fetichismo[15] do pibpc respecto á media europea ou española, preocúpanos a consolidación e recuperación do peso económico, laboral ou demográfico de Galicia no conxunto de España. Por iso, como indicadores ex-post dunha estratexia económica para Galicia, propoñemos os relativos a: emprego, dependencia, comercio exterior e investimentos exteriores.
Porque, na nosa opinión, a expansión dos mercados exteriores a través das exportacións e investimentos no exterior, xunto á atracción de investimentos estranxeiros, son os motores que poden cambiar e acelerar cambios positivos na sustentabilidade económica e social do noso crecemento. De maneira que os obxectivos en materia de formación, infraestruturas e loxística, I+D+i, cooperación empresarial ou articulación de clústeres que conformarían tal estratexia (da que aquí non podemos ocuparnos)[16] deben considerarse como pasos previos para a mellora da competitividade que nos permitiría dinamizar a nosa presenza nos mercados exteriores.
Consecuentemente, os indicadores ex-post dunha tal estratexia serían: o peso dos investimentos directos de Galicia cara ao estranxeiro no conxunto destes por parte da economía española; analogamente, o peso das recibidas en Galicia como cota das recibidas polo conxunto da economía española; a cota de exportación na economía española cara aos países emerxentes (China, India, Brasil); a cota de exportacións internacionais na economía española; a porcentaxe do noso saldo total co exterior en relación ao PIB; a ratio de dependencia da poboación pensionista sobre os cotizantes á Seguridade Social e a taxa de emprego.
Unha evolución positiva e paulatina nesas direccións sentaría as bases dunha economía rexional sólida, tanto no relativo á produción coma á distribución da riqueza. Permitiríanos saír da actual recesión e, o que é máis importante, faríanos menos vulnerables a futuros impactos asociados a estratexias económicas especulativas (xa do ladrillo, xa nos innovadores activos financeiros).
Engádense a estas conclusións, nun anexo ii, unha serie de propostas e reformas que, prioritarias para saír da actual recesión, serían compatibles coa estratexia de medio prazo que defendemos.
ANEXO I
Avaliación do plan estratéxico da Xunta de Galicia 2014-2020
Comparto cos seus redactores —e destaco— algunhas fortalezas nas que basear o noso futuro económico: a eurorrexión, a nosa posición marítima estratéxica, a aposta polas enerxías renovables, a necesidade de diferenciar o noso produto turístico, o valor do noso capital industrial multinacional (Inditex, Citroën, Pescanova, Coren…).
Non comparto que sexa unha ameaza para Galicia «a irrupción no mercado mundial de países emerxentes», senón que China, India ou Brasil han de ser os nosos obxectivos prioritarios (así o ven dende Inditex); tampouco que teñamos unha debilidade no noso «déficit industrial»; e xa me gustaría saber que se entende exactamente por «deficiencias da rede ferroviaria», cando parece que non nos valen por aquí os trens de alta velocidade de uso mixto que si valen para Bilbao, Lisboa ou Valencia.
Os indicadores de obxectivos que se propoñen para avaliar o logro do noso crecemento sostible parécenme, como pouco, mellorables: eu usaría cota exportadora ou de investimento recibida en vez de grao de apertura; o peso no pib español no canto de pibpc; a mobilidade (persoas e toneladas) que usa fontes renovables; ou a taxa de dependencia (poboación maior sobre poboación ocupada) en vez da simple taxa de emprego.
Pero se o crecemento sostible (social e ambientalmente) dos ben definidos sectores estratéxicos xunto aos factores que o fan posible (educativos, de I+D+i, TIC, stock de capital, etc.) son o núcleo da estratexia económica para Galicia, non é doado entender que na distribución dos recursos entre 2011-2014, eses tres eixes de actuación —dos cinco do plan— só reciban un 33% dos recursos, mentres que a un só eixe (cohesión, benestar e calidade de vida) se lle asigne case o 62%.
Paréceme unha asimetría excesiva. O sentido común aconsellaría, polo menos, unha desagregación comprensible dese supereixe. E ‘comprensible’ quere dicir aclarar que tal inxente suma de recursos non é un pozo asistencial, senón mobilizador e capitalizador dos nosos recursos humanos e empresariais. Falo só de porcentaxes; dos millóns de euros que se asignan prefiro, polo momento, non os tomar en serio.
ANEXO II
Algunhas propostas e medidas de reforma
- Non se trata de saír do paso, senón de ter un Plan:[17] «Crear un sector industrial competitivo de alta tecnoloxía, baseado nun sólido sistema de aprendizaxe».
- Mobilizar recursos de estímulo mellor por exceso que por defecto
- Priorizar crédito e condicións de autonomía financeira para actividades externas e de alto valor engadido.
- Primar nas empresas (xestores, rendementos, emprego…) o longo prazo; remunerar os xestores segundo a calidade, non segundo a cantidade (en beneficios ou tamaño, por exemplo).
- Transformar subsidios a non ocupados en impulso a dotacións (ou formación para) de fontes de enerxía renovables (fer) ou aforro enerxético
- Prorrogar as prestacións só como políticas activas de emprego.
- Seguro hipotecario (aprazar pagamentos) para desempregados; redución das cantidades que deben os hipotecados.
- Onde haxa accionistas, estes son os que deben soportar as perdas (por exemplo, acredores de inmobiliarias e promotores).
- Evitar financiadores non industriais que promovan megaempresas ou as dividan; impulsar un Fondo Estratéxico de Investimentos (a semellanza do fsi francés).
- Contar con entidades financeiras públicas que financien a tipos xustos (Ceca, Banco de Crédito Oficial)
- Non pre-privatizar Caixas sen solvencia, senón ancoralas no sector público
- Evitar a conformación de entidades de tamaño excesivo.
- Facer que se recoñezan as perdas derivadas dos malos créditos.
- Plena transparencia en recursos (gastos para o contribuínte) de rescates realizados polo Banco de España.
- Non dar diñeiro a entidades sen cambiar os seus incentivos (salariais, bonus, pensións) e reforzar as súas limitacións.
- Os rescates bancarios non deben entorpecer a reestruturación hipotecaria (as perdas de valor non poden recaer sobre o contribuínte) (ceca e aeb)
- Condicionar en alto grao prestamos e avais do Banco Central a empresas con problemas.
- Imposto aos bancos por contaminaren a economía con lixo financeiro tóxico.
Albino Prada Blanco
ERENEA e Universidade de Vigo