01/01/2004
España século XX: escenas do traballo é unha exposición fotográfica organizada pola Fundación 10 de Marzo que persegue dar a coñecer un aspecto da realidade como é o do traballo.
A exposición consta dunha colección de 65 fotografías en branco e negro presentadas en marcos de aluminio de 40 x 50 cm. Cronoloxicamente, cobren un período comprendido entre 1900 e 1997; é dicir, ilustran o século XX galego e español case na súa totalidade. Como xa se indicou, a temática xeral é o traballo. As fotografías organízanse en tres grupos.
O primeiro grupo, Os traballos tradicionais, reúne imaxes dos traballos máis antigos como son a agricultura, a construcción, a minería e o propio servicio doméstico.
Un segundo grupo, en cambio, reúne fotografías do traballo nos talleres industriais, desde os comezos do século ata a actualidade. Este grupo de fotografías está reunido baixo o título de No taller.
O terceiro grupo, Mulleres e homes, é un contrapeso do anterior. Desaparece a maquinaria da escena, e homes e mulleres regresan ó primeiro plano de maneira individual e colectivamente. Contén retratos de tipos populares e, polo tanto, anónimos.
Reflíctense igualmente aspectos do traballo como a propia emigración española, momentos como a entrada nos vestiarios, a hora do xantar no lugar de traballo e o tempo de lecer. Por fin, inclúense unha serie de actividades e ritos que forman parte da cultura do traballo, como a celebración de asembleas e manifestacións ou a folga.
Existe un catálogo que acompaña á exposición.