01/01/2013
Coa publicación deste segundo volume, ofrecemos os testemuños de corenta e un homes e mulleres entrevistados (algúns xa falecidos) que, nun contexto adverso como foi a ditadura franquista, souberon estar á altura das circunstancias e da historia: rebeláronse contra o totalitarismo e esixiron o seu lexítimo dereito ás liberdades, rompendo o silencio e as normas de obediencia e submisión que prevalecían para a maioría da ciudadanía. Dicía o liberador de América, José de San Martín: “Fai máis ruído un só home berrando que cen mil que están calados”; e nesta comarca, as persoas que protagonizan este volume non calaron, fixeron posible cos seus actos o tránsito dunha ditadura a unha democracia, conquistáronna ao longo de moitos anos de loitas e esforzos, con suor, tenacidade e firmeza, ata alcanzaren os dereitos universais que enmarcan o chamado estado de benestar.
O obxectivo, por tanto, é dar a coñecer á sociedade unha serie de persoeiros de alto valor, xente corrente, coas súas dúbidas e temores, pero con moita dignidade e determinación por acadaren unha sociedade mási xusta. Por iso este libro ten un alto contido político, porque como di o antropólogo chileno José Bengoa: “Non hai peor enfermidade social que a falta de memoria histórica”, e tanto na Unión Comarcal de CCOO de Ferrol como na Fundación 10 de Marzo aceptamos o reto e a responsabilidade de tentar recuperala cando trazamos este proxecto.