A mostra 1936: Seoane e os poetas fronte á sublevación é unha exposición producida pola Fundación 10 de Marzo que reproduce a obra Trece estampas de la traición, editada por Luís Seoane en 1937.
Os dezaseis paneis (100×70 cm) que compoñen esta mostra inclúen, ademais dos debuxos de Seoane, unha escolma de poesías realizada polo profesor Xesús Alonso Montero. Os autores escollidos son Rafael Alberti, José Bergamín, Florencio Delgado Gurriarán ou Valentín Paz-Andrade, entre outros.
Existe un catálogo da mostra e unha reprodución facsimilar de Trece estampas de la traición (1936: Seoane e os poetas fronte á sublevación, Sada, Ediciós do Castro, 2000).
Co gallo do XXV cabodano de Francisco Franco, preséntase esta mostra plástico-literaria, constituída polas estampas dun álbum de Seoane, Trece estampas de la traición, e un conxunto de poemas (ou fragmentos de poemas).
Porque as trece estampas son moito máis ca sátira e humorismo antifascista, xuntas compoñen unha completa narración de feitos e de horrores tanto nos propios debuxos canto nas breves sentencias dos pés. Seoane non deixa pasar case ningún aspecto daquela barbarie incivil.
ALBERTO GONZALEZ-ALEGRE. Director da Fundación Luis Seone
As poesías ilustran, a súa maneira, unha boa parte das trece estampas. Á beira de cada unha delas, figuran versos de poetas que, nos anos da Guerra Civil, exercitaron o xénero da execratio para denuncia-las infamias e as felonías de Franco, Mola, Millán Astray, Queipo de Llano e outros protagonistas, non sempre militares, da barbarie reaccionaria e fascista que se alzou contra a lexitimidade republicana no verán de 1936. Os versos que na Mostra se ofrecen están nas antípodas da ladaíña de flores e gabanzas nas que eu fun educado nas aulas e nos púlpitos daqueles anos. Educado eu na Francofilia máis afervoada, nin eu, nin centos de miles de españois (en 1937, 1940, 1942…) podiamos sospeitar que había poetas (algúns, altos poetas) que retrataban a Franco e ós seus corifeos coa brocha gorda do seu mellor talento satírico. As estampas do álbum de Luís Seoane, tal como indica o título, son trece, número, na cultura popular, fatídico. En realidade, as estampas son catorce, se temos en conta a da contracuberta, a do neniño pequeno que dous brazos intentan salvar do naufraxio. Seoane constrúe un discurso de violencia e de terror, pero, xa fóra do marco dese discurso, decide debuxar unha estampa que suxira, despois de tanta traxedia, que é posible unha alternativa á barbarie. Naquel balbordo de violencia e morte, non sabemos, de certo, se Luís Seoane cría nesa posibilidade, pero, sen dúbida, necesitaba crer. De aí a estampa do neniño que, de momento, non naufraga. A estampa, simple e lírica, por outra parte, está nas antípodas das trece do discurso traidor, especialmente da que abre a serie, a da cuberta: o rostro dun xeneral subhumano —Francisco Franco— cun coitelo cheo de sangue na boca.
XESÚS ALONSO MONTERO
Grazas á colaboración de Ediciós do Castro, a Fundación 10 de Marzo organiza unha exposición itinerante que reproduce ese libro. Paralelamente, Ediciós do Castro e a Fundación reeditan facsimilarmente a obra de Seoane, o exemplar que aquí presentamos, enriquecido coa sinatura de Xesús Alonso Montero e a súa escolma de poesías.
Con estas actividades non facemos outra cousa que seguir as pautas marcadas por Isaac Díaz Pardo, quen en 1997 escribía que “Luís Seoane, xa asentado na nosa terra, fíxonos ver que o máis importante que debemos facer hoxe é recuperar a memoria histórica que o franquismo nos tiña agachada, pois todo o que se faga sen ter en conta o antecendente non pasará de ser, por moito formigón que mova, obra intranscendente de oportunistas que se apropian de ideas alleas, e nalgún momento vánllelo demandar”.
VÍCTOR MANUEL SANTIDRIÁN ARIAS. Fundación 10 de Marzo